FAQ

  • Os contidos axéitanse ao currículo educativo de primaria?
  • Si: participando na Misión ALBA, cubrirás, dun xeito práctico e aplicado, moitos dos contidos esenciais que o currículo indica para os cursos de 5º e 6º. Na guía didáctica atoparás a correspondencia curricular entre o que se traballa en cada reto e o currículo da túa comunidade autónoma.

  • Cantas sesións lectivas implica a participación no proxecto?
  • Na guía didáctica recóllese unha planificación detallada de sesións e a súa distribución temporal, estimada en 14 sesións lectivas de 50 minutos/1 hora.

  • Cal é o reto máis axeitado para o meu grupo-clase?
  • Os dous son axeitados tanto para 5º como para 6º de primaria e son independentes: non cómpre facer un deles para realizar o outro. Se non participaches nunca na Misión ALBA, recomendámosche empezar polo primeiro, «Fai visible o invisible», co que cubrirás unha grande parte dos contidos do currículo de ciencias para esta etapa. O segundo ten un enfoque máis interdisciplinar, perfecto para quen xa fixo o primeiro ou teña ganas de traballar dun xeito máis transversal.

  • Cómpren coñecementos previos en ciencias para titorizar este proxecto?
  • Coa guía didáctica, que ofrece unhas pautas moi detalladas, e a axuda dos programas de traballo, onde a proposta de experimentación está moi desagregada, calquera docente poderá realizar o proxecto sen atrancos. Así e todo, recomendamos revisar ben todos os materiais para familiarizarse cos conceptos e planificar axeitamente as sesións.

  • Podemos facer os dous retos cun mesmo grupo-clase?
  • Cada equipo (grupo-clase) só pode participar nun reto por curso, pero se tes varios equipos, porque xestionas máis dunha clase, podes traballar un reto con un deles e outro reto co outro.

  • En que consiste o paquete de benvida?
  • Envíase un paquete de benvida por equipo-clase. O sobre é un detalle que contén unha mostra dalgúns materiais necesarios para facer os experimentos da Misión, así como algunha outra sorpresa para o alumnado. O resto do material para facer a Misión, que é caseiro e doado de conseguir, vai a cargo dos centros escolares. Tampouco inclúe os impresos nin as fichas que traballará o alumnado en clase; estes pódense descargar unha vez dentro da plataforma.

  • Coñeceremos o día a día do Sincrotrón ALBA?
  • Si: a través dos vídeos poderedes coñecer algunhas persoas que traballan en ALBA e a súa función nesta entidade. Ademais, en cada laboratorio sortearase como premio unha videoconferencia coas persoas que vos guiaran nese experimento. Todos os equipos que cheguen á meta poderán participar, amais, no sorteo da visita de un/ha investigador/a ao centro.

  • Temos que desenvolver a Misión nun calendario determinado?
  • No curso 2020-2021, a Misión desenvolverase durante o segundo trimestre, do 8 de xaneiro ao 15 de maio. Para cada un dos catro laboratorios suxírese un calendario, que está indicado na guía didáctica. Porén, cada grupo pode seguir o ritmo que desexe, malia que para participar nos sorteos de premios cómpre ter resolto cada laboratorio dentro do prazo fixado. 

  • En que linguas están dispoñibles os materiais de traballo?
  • Para o curso 2020-2021, a web de Misión ALBA e todos os materiais didácticos están dispoñibles tanto en castelán como en catalán. Ademais, os programas de traballo coas propostas de experimentación para o alumnado tamén se poden descargar en inglés.

  • Podo participar con varios grupos-clase?
  • Si. Dende o teu perfil de docente poderás crear varios equipos e asignar unha misión a cada un deles. Deste xeito, cada grupo-clase terá un espazo diferenciado na plataforma para seguir o seu propio percorrido.

  • Se temos dúbidas durante o proceso, con quen podemos contactar?
  • Escribide a misionalba@cells.es e porémonos en contacto con vós para darvos apoio no que precisedes.

  • Ten algún custo para as escolas?
  • Non, a participación na Misión ALBA é totalmente de balde. O centro só deberá asumir o custo dos materiais necesarios para levar a cabo os experimentos. Todos os experimentos deseñáronse para que os materiais sexan doados de conseguir e económicos. Na guía didáctica atoparedes o seu custo aproximado.

  • Cómpre crear un novo usuario se xa me inscribín en edicións anteriores?
  • Non. O teu usuario e contrasinal continúan vixentes. Podes entrar no teu perfil coma sempre. Lembra que se esqueciches o contrasinal podes restablecelo seguindo a ligazón que aparece na sección de rexistro. Se non lembras o correo co que te rexistraches daquela, envia a túa consulta a misionalba@cells.es.

  • A participación no proxecto inclúe unha visita ao Sincrotrón ALBA?
  • Non. Aínda que un dos obxectivos do proxecto é ofrecer unha experiencia vivencial ao alumnado, desenvólvese totalmente a través da Internet.

  • Como funcionan os premios?
  • Os premios asociados aos laboratorios e o premio final decídense por sorteo entre todos os equipos que consigan superar as catro etapas. En cada reto hai un premio para cada laboratorio, catro en total, e un premio final que se sorteará entre todos os equipos que realizasen a Misión ALBA completa.

  • Que acontece se se dá de novo un confinamento das escolas por mor da covid-19?
  • Do mesmo xeito que se fixo no curso 19-20, Misión ALBA adaptarase ás circunstancias que poidan xurdir no futuro por mor da situación de pandemia que estamos a vivir arestora. Os contidos dos laboratorios pódense adaptar de xeito que o alumnado desenvolva os experimentos na casa e participen nos cuestionarios individualmente en liña, tal e como se fixo con bos resultados en marzo-xuño do pasado 2020.




Unha iniciativa de:


Alba

Coa colaboración de:


Producida por:


eduXarxa

Utilizamos cookies propias y de terceros para finalidades analíticas y técnicas; tratando datos necesarios para la elaboración de perfiles basados en tus hábitos de navegación.
Puedes obtener más información y configurar tus preferencias desde 'Configuración de cookies'.

Configuración de cookies